O CAMIÑO A ERMELO, PASADO E FUTURO
David Pereira, Martín Barreiro

Este pasado 25 de xullo, un grupo de arquitectos e algúns veciños de Tirán organizamos unha subida a Ermelo, rememorando a antiga peregrinación e pago dos foros. Esta actividade foi unha oportunidade de redescubrir o noso entorno e de aprender un pouco máis sobre como evoluíu o noso territorio. Pero tamén serviu para percatarse do rico patrimonio que temos, da beleza das nosas paraxes e do papel que poden xogar no futuro. Cada vez máis xente dáse conta das posibilidades que os nosos lugares e cultura poden ter nun turismo de calidade, ben entendido, e asimesmo para o mantemento da nosa calidade de vida.

MAPA_HERMELO_03

Durante o percorrido que saiu da Casa da Cultura de Tirán, puidemos escoitar diversas explicacións sobre os sitios polos que se pasaba. Houbo tempo para ver, comentar, charlar e contar historias; de feito ese era precisamente o propósito: divertirse e pasalo ben. Á cita sumouse xente dun amplo abano de idades e con diferentes perspectivas, e foi unha oportunidade de relacionarse e intercambiar experiencias. O camiño, inda que en subida constante, non foi un problema para que nenos e anciáns o fixeran sen atrancos e todos os participantes desfrutasen do día.

Por contar un pouco máis polo miúdo como se desenrolou a xornada, comezaremos por comentar que ese venres festivo, á hora convida xa estaba todo o mundo preparado e ansioso por saír. Decididos a ir polo sendeiro vello cara San Martiño, xiramos á dereita e subimos polo camiño pegados a estrada, e cruzando esta seguimos polo vial de acceso ó colexio ata o cruceiro de Fazáns. Aquí comentamos como o proxecto de enlace co corredor faría este lugar inseguro, como aconteceu co Colexio da Rúa. Seguimos subindo por Fontes e atravesando a estrada da Ameixoada chegamos ata o antigo centro de Moaña arredor da igrexa de San Martiño. Alí nos agardaba outro grupo e o historiador Manuel Uxío, do que puidemos aprender a historia do mosteiro de Ermelo e da Igrexa de San Martiño.

ermeloNavega pola galería de fotos da ruta

Todos xuntos subimos polas pistas cara Monte Aberto (onde se celebra a festa do leñador). Durante o camiño explicamos o gran desvío que supuxo a vía rápida e incomodidade de baixar e subir; e logo no merendoiro, Luis Chapela rememorou a historia da comunidades de montes. Máis arriba no Pouso das Cruces, agardábanos Manuel Boubeta, natural de Coiro, que nos contou como na Idade media os veciños da bisbarra, temerosos dos ataques turcos, acodían a este lugar para esconder os elementos máis valiosos das igrexas (de aí o nome). Seguindo xa polo camiño ancestral, labrado na rocha polos carros e pés dos nosos devanceiros, e tras atravesar varios regatos e presas, chegamos a Ermelo.

Alí cada un desfrutou da festa como mellor lle pareceu: misa, paseo polos postos ou merecido descanso segundo os gustos. Iso sí, despois comimos todos xuntos debaixo dunha carballeira, compartindo os platos que cada un trouxera e contando historias, chistes, etc.

Na volta demos un pequeno rodeo pola Cruz do Xestoso (no Paralaia), pero pagou a pena: puidemos contemplar Moaña dende unha posición inmellorable. Na baixada, xa de vagar, vimos as antigas inscricións que separaban a parroquia de Moaña e de Ermelo, e baixamos pola Carballeira de Coiro novamente ó Pouso das Cruces.

Malia o camiño percorrido, a xente non estaba cansa, todo ó contrario, querían máis e nos preguntaba ós organizadores: “para cando o próxima?”. Naturalmente o ano que vén subiremos a Ermelo o 25 xullo. Pero antes, tomaremos tamén en conta a petición popular: o 21 de setembro faremos unha marcha a Santa Efigenia (Bueu), pero non só andando, senón tamén en bici para os que queiran, e con outra saida dende Cangas.

Artigo publicado na revista O Pegho, da Asociación de Veciños de Tirán 2014